Sunday 19 de May de 2024

O Concello alerta sobre o uso dos móbiles na infancia


O Concello de Oleiros amosa a súa preocupación ás nais e pais sobre a masiva utilización de móbiles entre as nenas e nenos e que estes días está a mobilizar a numerosas persoas en todo o país. As crianzas manexan estes dispositivos unha media que supera as 6 horas diarias, provocando nelas numerosos problemas psicolóxicos, de socialización e impedindo gozar doutro ocio ou outras actividades saudables como practicar deporte etc.

Ademais, os nenos e nenas poden ter acceso a pornografía, a xogos de azar, apostas, vídeos con violencia extrema, o que lles resta capacidade creativa e a súa interacción, cultivando un alto grao de insensibilidade á realidade que os rodea.

O alcalde advertiu que os móbiles son na actualidade unha importante arma de control da opinión pública e o consumo, unha fórmula moi concentrada nunhas poucas persoas que limita a independencia e a capacidade crítica da cidadanía.

Desde hai uns días o movemento de familias en contra do uso dos dispositivos móbiles buscan apoios nas principais cidades do país lanzando unha petición na plataforma Change.org onde se compilan sinaturas co propósito de levar ao Congreso a proposta de prohibir o uso de smartphones por parte de menores de 16 anos. Incluso hai voces que piden a súa prohibición nas aulas.

“Ogallá —dixo Ángel García Seoane— sexan moitas as familias que protexan aos seus fillos e fillas e se sumen a esta iniciativa”.